A Coruña
Segundo datos da Coruña Convention Bureau, a cidade acolleu en 2023 uns 150 eventos profesionais, 28 delas de grandes dimensións (entre 300 e 1.800 asistentes). As cifras confirman que a gran cidade do norte galego consolidouse entre as máis atractivas para acoller este tipo de reunións. Non faltan razóns: unha boa conectividade a través de avión, tren ou estrada e gran diversidade de salas para albergar a centos de asistentes combínanse cun patrimonio natural e histórico ben coidado e unha gastronomía difícil de obviar.
A Coruña dispón de dous grandes recintos para feiras e congresos, Expocoruña e Palexco, ademais de espazos singulares como o Pazo da Ópera, a Casa da Auga ou a sede de Afundación. Ademais, moitos dos seus hoteis alugan espazos para reunións de toda dimensión. É o caso de establecementos como os hoteis AC Marriott, Attica 21 As Galeras, Attica 21 Coruña, Carrís Marineda, Eurostars Atlántico, Eurostars Cidade da Coruña, Exe Hotel Coruña, Hesperia Coruña, Hotel Plaza, Ibis Styles A Coruña, Meliá María Pita, NH Collection Finisterre, Hilton o Zenit Coruña. Outros espazos alternativos nos que se poden organizar eventos tanto no interior como o exterior son os singulares Makkan Club e Finca Montesqueiro (Oleiros).
As posibilidades de organizar actividades paralelas ou de incentivo son inesgotables. É imprescindible coñecer a milenaria herdanza da cidade, comezando, por suposto, cunha visita pola Torre de Hércules, o faro romano que segue en funcionamento máis antigo do mundo, declarado Patrimonio Mundial pola Unesco. A longa historia da Coruña levou a atesourar recantos como a súa zona vella, exemplo de cidade compacta de urbanismo medieval; a súa zona centro, chea de exemplos de arquitectura modernista, onde nos séculos XIX e XX se forxaron ideas liberais que deron forma á Galicia actual; o seu porto, que hoxe reconverteu algunhas das súas instalacións, como o peirao Calvo Sotelo, en espazo para exposicións; ou as súas praias urbanas, con Riazor e Orzán á cabeza. A cidade, que se asenta sobre unha península, está rodeada por un paseo marítimo de máis de 13 quilómetros que se pode percorrer a pé ou en bicicleta, desfrutando das vistas e da brisa.
A cidade ofrece opcións para actividades singulares das que non se esquecen. Por exemplo, unha visita ao MEGA, o museo da coñecida marca de cervexas Estrella Galicia, onde se pode aprender como se fabrica esta bebida, unha das preferidas en España, e mesmo organizar catas para os asistentes a un congreso. Tamén é visitable o estadio de Riazor, berce do Real Club Deportivo, club máis que centenario e campión de liga alá polo ano 2000. Moi cerca da cidade existen ademais varios campos de golf de características excelentes, como o do Real Club de Golf, na mesma cidade, e os de Xaz e Hércules, ambos no veciño municipio de Oleiros.
Calquera grupo de asistentes a un congreso quedará impresionado pola oferta gastronómica da cidade. Unha visita guiada ao mercado da praza de Lugo servirá para coñecer in situ o produto do mar e a horta que dan carácter á cociña local. E para probala, a oferta é enorme, desde visitar unha sinxela polbería a darse unha homenaxe nun restaurante con estrela Michelin como Árbore da Veira.
Outras rexións
Outras
Eume e Betanzos, marcadas polos ríos e a historia
Arzúa y Melide, el corazón agrario y gastronómico de Galicia