Barbanza Sar
A historia e a natureza únense nas comarcas do Barbanza e Sar. Xa sexa pola súa capacidade de acoller reunións e eventos en localidades grandes como Ribeira ou Padrón, ou pola súa proximidade a Santiago de Compostela, estas dúas localizacións dentro da provincia da Coruña son ideais para complementar a programación dun congreso con actividades que axudan a entender mellor o patrimonio cultural e paisaxístico de Galicia.
A comarca do Barbanza aglutina aos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira, na cara norte da ría de Arousa. As catro localidades contan con centros urbanos repletos de historia e de exemplos de arquitectura relixiosa e civil de séculos pasados. Esta é terra de escritores: só nunha rúa de Rianxo pódese pasear ante as casas natais de autores tan fundamentais na literatura galega como Castelao, Dieste ou Manuel Antonio, mentres que na Pobra pódese visitar a casa-museo de Ramón María del Valle-Inclán e, monte arriba, o miradoiro da Curota sobre a ría, ao que subía o escritor dando longos paseos. Os montes do Barbanza son fértiles en restos megalíticos: unha ruta polos seus petróglifos permite coñecer mellor o pasado desta zona da Coruña. O monumental dolmen de Axeitos, o castro da Cidá e o miradoiro da Rá, en Ribeira, e o castro de Neixón (Boiro), co seu centro de interpretación, son bos lugares para comezar esta exploración polo pasado.
No que se refire a infraestruturas para acoller eventos, Ribeira dispón dun gran Auditorio Municipal, e o resto das localidades, de centros multiusos de diferentes tamaños. Ao ser esta unha zona tradicionalmente turística, a infraestrutura hoteleira e gastronómica tamén é abundante e de calidade, con establecementos destacados como Sisal by Chicolino (Ribeira), a aposta de produto local dun grupo empresarial con moita tradición na zona.
Pola súa banda, a comarca de Sar (Dodro, Padrón e Rois), no val do río que lle dá nome, é tamén un dos berces culturais de Galicia. A casa natal da gran poeta Rosalía de Castro pódese visitar a na Matanza, preto do casco histórico de Padrón; é unha visita ineludible que se pode facer en grupo e con guía. A actividade débese complementar cun paseo polo casco antigo de Padrón, coas súas pequenas prazas, o seu xardín botánico, o seu monumento ao trobador Macías O Namorado, a ponte sobre o Sar, os monumentos a Rosalía e ao nobel Camilo José Cela no paseo do Espolón e a igrexa de Santiago, onde se garda a pedra na que, segundo a tradición, amarraron a barca de pedra que trasladaba os restos do apóstolo Santiago tras a súa singradura de Palestina a Galicia. Un pouco máis alá está o conxunto de Iria Flavia, sede de bispado na Idade Media. En Padrón tamén se pode programar unha parada para comer. Son imprescindibles os famosos pementos (só os de Herbón son os auténticos), pero tamén hai locais tradicionais, como a Pulpería Rial, que preparan un dos mellores polbos de Galicia.
A comarca do Sar conta con infraestruturas preparadas para reunións de mediano e pequeno tamaño, como o auditorio e o teatro municipais de Padrón ou os pazos de Goiáns (Boiro) e de Lestrove (Dodro).
Un percorrido de team building pola comarca pode incluír tamén un descenso en balsa de rafting polo curso baixo do Ulla, desde Carcacía, ou unha visita aos municipios nos que este río se mestura co mar, con parada no curioso conxunto de hórreos de Imo (Dodro). No municipio de Rois atópase tamén o campo de golf Val de Rois, moi cerca doutro dos segredos gastronómicos mellor gardados da comarca, a pequena e excelente taberna O Pemento (Seira).
Outras rexións
Outras
Xallas-Barcala-Ordes
Camiño portugués na provincia da Coruña