Muros-Noia, o incentivo natural
A natureza esmerouse especialmente na paisaxe das comarcas de Muros e Noia, arrinca sur da Costa da Morte e primeira das Rías Baixas, respectivamente. Este territorio está especialmente indicado para os que queiran complementar un evento con experiencias paralelas, de incentivo ou de team building que poden ir desde un recoñecemento do litoral en barco ou en paddle surf a un percorrido en kaiak por unha cascada que verte a súa auga directamente ao mar, pasando por unha experiencia de pesca da man de mariñeiros locais.
Varias empresas da zona ofrecen este tipo de actividades, perfectas para rematar un congreso importante e facelo realmente memorable. O Chivo, en Muros, colabora con guías locais para dar a coñecer as tradicións mariñeiras desta rexión a través de excursións, ofrecendo oportunidades para practicar a pesca deportiva con expertos mariñeiros ou simplemente gozar da ría cun paseo en barco acompañado dunha deliciosa comida mariñeira. Desde O Pindo (Carnota), aos pés da espectacular fervenza do Ézaro, empresas como Atlantis Aventura poñen en valor este entorno, onde o río Xallas desemboca no Atlántico, afundíndose por un canón de 40 metros de altura, tanto en kaiak como nunha táboa de paddle surf.
Estas son terras que atesouran un gran patrimonio histórico. Noia é a cabeceira da comarca á que dá nome, na que tamén se integran os municipios de Lousame, Outes e Porto do Son. A vila foi considerada tradicionalmente o “porto de Compostela” (como dicía a coñecida canción de Los Tamara) e o seu casco histórico merece unha visita (a poder ser, explicada por un guía oficial). Testemuña de invasións normandas e da auxe comercial co Novo Mundo, a localidade conserva xoias como a igrexa románica de San Martiño ou a de Santa María a Nova, que alberga unha curiosa colección de laudas ou estelas dedicadas a diferentes profesións medievais.
Pódese navegar en kaiak río arriba no seu tramo inferior (con empresas como Amextreme Aventura), pero máis arriba convértese nun canón, rodeado de espesos bosques de ribeira. Nesta zona é posible visitar o Mosteiro de Toxosoutos (Lousame), fundado no século XII, pero tamén outras construcións moi posteriores que explican o desenvolvemento industrial de Galicia a principios do século XX, como a monumental central hidroeléctrica proxectada en Santa María de Roo polo arquitecto Antonio Palacios (autor, entre outros, do Palacio de Comunicacións de Madrid, actual sede do Concello), ou as minas de estaño e volframio de San Fins (Lousame), agora inactivas, que se poden visitar previa solicitude.
Noia
A comarca de Noia comprende tamén a cara sur da ría, repleta de praias longas de area dourada, aínda libres do turismo masivo. Unha delas, a de Baroña (Porto do Son), esconde nun extremo un impoñente castro prerromano que tamén se pode visitar con reserva desde o seu centro de interpretación.
Como cabeceira de comarca, Noia conta con algúns espazos ben dispostos para reunións de pequeno ou medio tamaño, como o histórico Coliseo Noela, un teatro centenario, e unha boa infraestrutura hoteleira con establecementos como o Hotel Park ou o Hotel Noia. Unha xornada de incentivo e turismo activo non pode terminar sen repoñer forzas coa tradicional empanada de berberechos (¡ollo, o recheo cociñase con casca incluída para manter o sabor!) ou cunha visita ao pequeno porto do Freixo (Outes) para probar o seu marisco capturado no momento. Neste peirao ten a súa base o fermoso balandro Joaquín Vieta, tamén dispoñible para dar a coñecer a ría a grupos de turistas.
A cara norte da ría encádrase na comarca de Muros, da que forma parte ademais deste municipio e o de Carnota. Esta é unha costa salvaxe e pouco coñecida, aínda que o casco histórico muradán está entre os mellor preservados do litoral galego, co seu porto, as súas rúas e as súas casas con pórtico. É un bo lugar para organizar actividades paralelas para un evento, case todas centradas na natureza, como unha visita á desembocadura do río Maior en Esteiro; á enorme praia de Carnota e ao maior hórreo de Galicia, situado na localidade; ou, como se mencionou anteriormente, ao impoñente monte Pindo e a cascada de Ézaro. Neste último lugar, os máis atrevidos emularán aos ciclistas da Volta a España e ascenderán ao miradoiro en bicicleta… aínda que sexa eléctrica.
Outras rexións
Outras
A mar, gran atractivo das comarcas de Ferrol e Ortegal
Organizar un congreso en Compostela, a meta xacobea
Camiño inglés na provincia da Coruña
Deseñado e desenvolvido por Serglo, solucións tecnolóxicas aplicadas a eventos | Política de privacidade | Aviso legal