Espazos singulares para eventos en Galicia
Se queres que o teu evento impacte aos asistentes alén do contido, escolle un bo continente. É dicir, un lugar orixinal, exclusivo e que sorprenda. O espazo tamén achega significado ao evento, todo comunica, e por isto imos darche algunhas ideas de espazos singulares que atoparás en Galicia con características diferentes e variadas para que te inspires e acertes na túa escolla.
En pleno centro da Coruña elévase Palexco, á beira do mar. Rodeado polas emblemáticas galerías, o porto deportivo, o peirao de transatlánticos, o casco histórico… Un palacio duns 10.000 m2 xunto ao mar con ata 17 salas e múltiples opcións para eventos. A versatilidade das súas instalacións fai posible a utilización de varios espazos distintos sen saír do edificio. A luz e a amplitude que apunta o exterior do edificio desbórdase ao acceder ao interior.
Pero, sen dúbida, convérteo en singular a súa segunda planta co espazo Sotavento, de 550m2, recentemente deseñado de novo. Un recuncho diferente, máis acolledor, rodeado por unha terraza cunha decoración de iluminación onde o asistente pode sentirse case a bordo dun transatlántico, porque ten forma de barco. Conta ademais cun sistema de panelado que permite converter o espazo en 5 salas modulares, unha de 110m2 e outras 4 de 60m2, ou outras combinacións segundo o formato do evento.
Tendo en conta as actuais circunstancias e as limitacións de aforo. Palexco acaba de lanzar “THE CORNER”, un plató cun deseño creativo que permite albergar eventos combinando presencial e virtual vía streaming, sen perder as vistas infinitas co mar de fondo. Xa se estreou en diferentes eventos coma o Congreso Cáncer e Microbiota organizado pola Fundación SOG, a Xornada de Igualdade organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), ou o Fórum de Xoves organizado pola Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF).
Imprescindible parada nun dos espazos máis singulares de Galicia: a Cidade da Cultura. Construída no cumio do Gaiás, un dos montes que rodean Santiago de Compostela, polo arquitecto norteamericano Peter Enisenman. A súa singularidade arquitectónica e o seu equipamento converten os seus espazos en escenario de numerosos eventos organizados por institucións, empresas e colectivos sociais. Cada ano chega a acoller arredor de 300 eventos, algúns moi destacados coma o acto de entrega das Medallas de Galicia ou os Premios da Cultura. A potencia visual destas instalacións atrae tamén a mirada do mundo do cine e da publicidade, que atopa no complexo atractivos sets para os seus proxectos audiovisuais.
Esta ‘cidade’ destinada á cultura, ao emprendemento e á tecnoloxía, abre as súas portas aos eventos en catro zonas diferenciadas: o Museo Centro Gaiás, a Biblioteca e Arquivo de Galicia, o Centro de Emrpendemento e o Centro de Innovación Cultural. Dispón de tres auditorios, dous deles de 200m2 e un de 157m2, un salón de convencións, unha sala polivalente na que é posible realizar desde unha rolda de prensa ou presentación ata un almorzo ou cóctel, outras dúas salas multiusos de 100m2 e unha sala máis pequena de 66m2 para eventos de aforo reducido. Mesmo conta cun espazo diáfano de 500m2, que se pode panelar para crear dúas áreas comunicadas ou independentes. O Bosque de Galicia, o Xardín Literario, o Xardín do Teatro e o Parque do Lago son os espazos verdes cos que conta o Gaiás, lugares nos que se poden facer eventos ao aire libre, algo moi demandado na actualidade.
Para descansar ou celebrar está o Parador de Santiago, o Hostal dos Reis Católicos, situado na praza do Obradoiro, xunto á Catedral. O edificio foi orixinalmente un hospital e por toda a historia que alberga é considerado como un “parador museo”. Na súa igrexa, coñecida como a Capela Real, onde recibían misa os peregrinos, poden celebrarse eventos, desde conferencias a banquetes de gala. A capela, ata o século XIX, estivo equipada cun altar en forma de templete, de dúas alturas, no centro do cruceiro. O altar baixo, desde o que se celebraban oficios relixiosos, situábase sobre unha plataforma de madeira dotada de escaleiras. Catro rexas columnas sostiñan unha segunda tarima, que no centro albergaba outro altar desde o que se dicía misa para os convalecentes, que escoitaban desde o leito ou asomados aos miradoiros. Coa mesma atención que escoitan os asistentes a un evento.
Nos primeiros tempos, o Hospital dispuña de seis salas de enfermos, aínda que chegou a superar a vintena nas súas décadas finais. Hoxe albergan o Salón Real e o Comedor Real. Nestes salóns que miran á praza do Obradoiro ten lugar a tradicional cea dos Fogos do Apóstolo, cun espectáculo de luces, son e fogos artificiais.
Espazos 100% made in Galicia
Os pazos son un símbolo da cultura de a historia galegas, e en todas as súas provincias hai moitos destinados a eventos, coma o Pazo de Andede, en Touro (A Coruña), a poucos quilómetros de Santiago de Compostela. Fundado a comezos do século XVIII, posúe todos os elementos característicos deste tipo de construcións. Restaurouse no ano 1995 co obxectivo de conservalo o máis fielmente posible, creando diferentes espazos multifuncionais para o uso e goce. Día a día as súas portas ábrense ao turismo rural. Para eventos conta con diferentes espazos, o máis destacado o salón principal de 400m2. O corpo principal do pazo, co restaurante e coa zona de hóspedes, tamén se poñen a disposición para a organización dun evento. E os xardíns, como non. Aproveitar a contorna axardinada e os recantos ocultos do pazo. Pódense desenvolver actividades en diferentes zonas. Por que non unha presentación de produto na capela?
O restaurante Pazo de Andeade utiliza unicamente produtos de alta calidade, contrastada procedencia e exclusivamente de temporada. A cociña e o servizo gozan dun recoñecido prestixio gañado a través da excelencia da materia prima empregada e dunha coidadísima elaboración tradicional, incluíndo tamén toques de cociña moderna.
Outro pazo, considerado un dos máis fermosos de Galicia, é o pazo de Bentraces, a tan só 7 quilómetros da cidade de Ourense, o que o converte nun lugar perfecto para descubrir a capital ourensá e as bonitas vilas dos arredores, así como gozar dun bo viño da Ribeira Sacra. Construído no século XV como parte do mosteiro de Celanova, o pazo de Bentraces conservou a súa estrutura practicamente intacta, aínda que reconvertida en casa señorial con posibilidade de aloxamenteo, ademais das zonas comúns e dun xardín de 20.000m2, con numerosas árbores centenarias. Un remanso de paz e tranquilidade.
Un dos xardíns, con vistas á fachada principal de pedra e escudos, pode albergar 400 convidados. Xa dentro do pazo descubrimos un pavillón de cristal integrado nun bosque con capacidade para 300 asistentes e unha cociña duns 180m2 con cheminea e lareira adecuada especialmente para eventos gastronómicos con encanto para uns 30 ou 40 asistentes. Debaixo da cociña hai unha sala con mesas alongadas en forma de U, con cristaleiras que dan ao xardín. Moitas rodaxes de anuncios de moda fixéronse aquí, e eventos con prensa especializada en moda e influencers.
O Pazo da Touxa, en Nigrán (Pontevedra), esconde outro xardín inmenso de 40.000m2 no que organizar un evento. E se chove, non hai problema porque conta con outros espazos: un salón con capacidade para 300 persoas en formato banquete ou 500 persoas con formato cóctel; unha terraza cuberta con capacidade para 200 persoas; e un salón exterior para 40 persoas. A experiencia gastronómica é un activo moi presente no pazo, a súa cociña artesanal para momentos especiais ofrece unha proposta da terra. Alí xa se celebraron eventos corporativos como prsentacións de coches, comidas ou ceas de gala para botaduras dos estaleiros de Vigo, como Freire ShipYard, ou botaduras de Ritz Carlton, e actividades de team building, ademais da feira Conxemar, entre outros.
E volvendo á Coruña, en Oleiros, a Finca Montesqueiro ábrese ao sector de eventos poñendo á súa disposición 6.000m2 divididos en diferentes espazos e salóns onde entran vehículos, por iso marcas coma Volkswagen, BMW, Mercedes-Benz, Porsche ou Lexus o escolleron para facer alí as súas presentacións.
Con vistas ao xardín e á ría, o Salón Dourado (de 416m2) mestura a luz natural que achega a terraza que o rodea coa iluminación artificial do seu escultórico teito de varas. Considérase o lugar idóneo para celebrar unha conferencia, un coloquio ou pechar por todo o algo un congreso cunha cea de gala. O Salón Enredos (de 242m2), un dos espazos máis versátiles da finca, sitúase na súa planta baixa con acceso ao xardín e á Terraza dos Felgos, e é ideal para pequenos eventos (unha tendencia en auxe no sector) que poderían combinar la reunión no salón, un coffee na terraza e o cóctel no maxestuoso xardín con pradairos xaponeses, cascadas e láminas de auga. Actualmente o Salón de Enredos transformouse, da man de Cega Audiovisuais, cun set audiovisual para eventos presenciais, virtuais ou híbridos.
A súa oferta gastronómica xúntase co concepto de cada evento grazas ao seu asesor culinario, o chef Nandu Jubany, que conta cunha estrela Michelin e achega toques de innovación con alimentos tradicionais de Galicia. Unha experiencia gastronómica única para gozar cos cinco sentidos é o seu Gastro Mapping, unha proxección de animacións 3D sobre as mesas.
Moitos edificios emblemáticos de Galicia permiten a organización de eventos, coma o Teatro Afundación ABANCA, en pleno centro de Vigo. Trátase dunha obra de recuperación de patrimonio histórico sobre o teatro García Barbón, que o arquitecto Antonio Palacios proxectou a principios do século XX. O seu estilo cualifícase de eclecticismo academicista, coas características curvas e contracurvas do arquitecto galego, que se inspirou na Ópera Garnier de París. Este edificio é un dos máis emblemáticos da arquitectura histórica viguesa, destacando no seu exterior o excelente tratamento de cantería, executado en granito branco das canteiras de Castrelos. Na disposición interior Palacios puxo énfase no acceso ao teatro cun amplo vestíbulo oval e nunha escaleira de honra, iluminada cenitalmente a través dunha viderira realizada pola casa Maumejean.
Os espazos dispoñibles para eventos con: a sala de concertos, o auditorio, a sala de conferencias, as salas de seminarios, as salas de exposicións, o salón de recepcións, a biblioteca e o teatro con 994 localidades.
E, por último, a opción de facer un evento no Museo do Mar en Vigo. Un centro cultural e científico dedicado ao mar. Ideado polo arquitecto italiano Aldo Rossi a partir do esqueleto da vella fábrica de conservas de Alcabre, consta de 17.000m2 repartidos de tres edificios: o principal e outro anexo ao que se accede a través dunha pasarela, un acuario e unha cafetería-restaurante. No exterior, ademais do aparcadoiro, hai un xardín, cinco naves rehabilitadas, unha praza empedrada, que permite a comunicación entre as praias, un porto no que se sitúa o acuario (onde se poden observar os principais ecosistemas que se atopan entre o peirao do Museo e a costa acantilada das illas Cíes), un faro e o propio mar que envolve a construción. A través dunha pasarela de cristal poden verse o castro de Alcabre e a ría de Vigo. Un espazo singular con vistas ao mar que se adapta para eventos especiais e no que se poden facer obradoiros didácticos sobre temáticas mariñeiras.