10 aloxamentos singulares para eventos en Galicia
Nunha illa, nun faro, en burbullas vendo as estrelas, en mosteiros, en pazos ou en palacios, son algunhas das singulares opcións de aloxamento que atoparás en Galicia. Para eventos exclusivos, en petit comité, rodeados de natureza, de mar, de cultura, de historia e de tradición. Neste tempo difíciles, múltiples alternativas para poñercho máis doado.
En Oleiros (A Coruña) está NOA Boutique Hotel, un lugar no que entra o mar dentro da habitación. Pola súa situación privilexiada fronte ao castelo de Santa Cruz, a dez minutos do aeroporto da Coruña e a 45 de Santiago de Compostela, este hotel de 32 habitacións con encanto conta con espazos para reunións de empresa, presentacións de produto e coches, team buildings… Alí realizáronse eventos con laboratorios e empresas que reservaron o hotel en exclusiva ou privatizaron un andar para o seu evento. Na sala Noa, de 80m2, con grandes ventás polos que entra a luz natural ou na sala multiusos, de 400m2, con terraza, ou na Azotea do cuarto andar (300m2) con piscina infinity que se funde no mar, para cócteles e recepcións ao aire libre.
NOA é cosmopolita sen perder a súa identidade xenuinamente galega, e aposta pola sostibilidade, a exclusividade e a ecoloxía nunha contorna inspiradora, relaxante e sofisticada. A súa filosofía Bed, Bath, Greakfast & MICE xira arredor de facer destes catro actos cotiáns un momento inesquecible. ¿Atréveste a vivir auténticas NOAexperieces? Ademais do aloxamento e de espazo para eventos, organizan actividades para coñecer e gozar da zona de Oleiros e do castelo de Santa Cruz situado nunha pequena illa unida ao mar por unha pasarela de madeira, con miradores e parques coma o Parque José Martí en Santa Cristina, o das Galeras en Bastiagueiro, o da Lagoa en Mera… ou monumentos coma o Natural Costa de Dexo-Serantes, espazo protexido pola súa importancia ecolóxica, o Faro de Mera, a Aula do Mar, un centro de interpretación da natureza, ou visitar A Coruña, os seus momentos, as súas tapas, as súas xentes.
E durmir nunha burbulla vendo as estrelas? En Albarari poderás “acampar” en burbullas de aire deseñadas para facilitar a observación astronómica desde o interior gozando da contorna dunha forma inmersiva e respectuosa. Albarari significa espazo natural en árabe, un concepto eco-innovador e sostible para vivir novas experiencias glamping sen renunciar a todas as comodidades. Albarari comezou coa apertura do seu Resort na Coruña en 2017, Campo Stellae, a 50m da Praia das Margaridas de Oleiros. A idea tivo tan boa acollida que en 2019 ampliaron o número de burbullas e crearon o Resort de Sanxenxo, Polaris, nun viñedo de albariño no interior das Rías Baixas. Hai 5 burbullas en cada resort, equipadas por unha cama con dosel, baño, climatización e xardín privado. A estancia inclúe almorzo artesanal e é posible gozar dunha cea no xardín. En cada habitación hai un telescopio astronómico e terrestre de gran precisiíon e un planisferio, ademais de guías de astronomía. Entre as experiencias que se poden facer nesta contorna está o cine ou proxeccións ao aire libre, conferencias, talleres, seminarios e outros eventos de pequeno formato.
Se buscas un lugar especial, diferente e único para que o teu grupo se aloxe nos confíns do mundo lévaos a O Semáforo de Fisterra. No cabo Fisterra, este faro conta con 6 cuartos a 138 sobre o nivel do mar. Tras unha reforma en 2016, a antiga sede de vixilancia da mariña, o Semáforo converteuse nun hotel delicatesen e un restaurante con encanto, ademais de terrazas sobre o cantil con vistas infinitas e varias estancias e recantos exclusivos para eventos na Fin do Mundo. As incribles postas de sol e as grandes ondas que fan soar a sirena do faro transportaranvos a tempos pasados de grandes lendas… Tamén poderedes gozar de O Refuxio, un espazo que dá acollida ao peregrino, con vistas á famosa escultura do Centolo. Un espazo gastronómico baseado no concepto taberna mariñeira actualizado. Para completar a experiencia pode visitarse o Centro de Interpretación da Costa da Morte, desde o que é o quilómetro 0 do Camiño de Santiago. Alí coñeceredes a orixe de Fisterra e o seu cabo: o miradoiro á fin do mundo, lendas da Costa da Morte e todo o relacionado con este peculiar territorio. Empresas coma BMW ou o Banco Santander escolleron este lugar para os seus eventos, así coma laboratorios e a Gibraltar Race, un evento de motos chegadas desde Polonia.
A 35 quilómetros de Santiago de Compostela, en Arzúa (A Coruña), atoparás o Pazo de Brandeso Casa Rural & Country Club, de 14 habitacións, cunha casa auxiliar anexa, en 12 hectáreas dentro dunha contorna amurallada. O pazo ten una capela, un pombal, o gran hórreo e diversos alpendres, todo rodeado de xardíns con labirintos de buxo e dúas das carballeiras máis antigas de Galicia. O nome de Brandeso está vinculado á literatura, e é que o pazo foi o retiro favorito de dous dos grandes escritores galegos: Valle-Inclán e a Condesa de Pardo Bazán. Un lugar ideal para incentivos e convencións vinculadas ao Camiño, unha fonte de inspiración que xa utilizaron laboratorios e empresas de seguros para conceptualizar os seus eventos e actividades complementarias nos seus eventos. Ademais das súas habitacións e suites, Pazo de Brandeso conta con grades espazos exteriores nos que se poden montar carpas ou outras estruturas, ademais de salas para eventos pequenos de 20-30 persoas.
Outro aloxamento singular no que respirar o puro aire da montaña galega é a Casa Grande do Bachao en Santiago de Compostela. Un conxunto arquitectónico do século XVIII formado por dúas casas, hórreos, cruceiros e amplas terrazas de pedra. A casa foi renovada hai dúas décadas e entre os seus muros centenarios hai salas con diferentes ambientes, ademais de dez habitacións, cada unha decorada de forma singular, con madeiras nobres, teas alegres e materiais tradicionais coma o liño. Como curiosidade, as habitacións non teñen número, están identificadas con nomes de personaxes históricas vinculadas a Santiago de Compostela e á súa tradición xacobea, transmitindo así a milenaria e máxica historia desde a chegada do Apóstolo Santiago a Iria Flavia nunha barca de pedra, ata as peregrinacións actuais. A Casa conta cunha finca de 14.000m2 que descende cara ao río Tambre, rodeada dun gran espazo forestal, nas ladeiras dons Montes do Bachao. O espazo articúlase en grandes terrazas soportadas por muros de pedra, desde as que se pode gozar dun cóctel ou cea contemplando a posta de sol tras das montañas. Para completar a estancia e o evento é recomendable facer unha ruta para percorrer, camiñando ou en bicicleta, os múltiples sendeiros e pistas que cruzan o Monte do Bachao e visitar os restos dun milenario castro celta. En colaboración con empresas e monitores especializados, organízanse actividades na natureza (rafting, piragüismo, etc.) e visitas a Santiago de Compostela ou outros sitios cercanos coma a Costa da Morte, as Rías Baixas, etc.
E de aloxarse no medio do campo a facelo no medio do mar, e durmir nun faro, na ría de Ribadeo (Lugo), concretamente na illa Pancha, onde en 1857 se levantou o primeiro faro de España, reconvertido en aloxamento desde 2017, respectando a súa esencia e elementos orixinais. O faro da Illa Pancha é un edificio de planta cadrada, que alberga tan só dous apartamentos duns 40m2 cada un, mirando ao mar Cantábrico. É unha casa de 86m2, dos que 6 son a torre do faro. Non poderá albergar un grupo grande de asistentes, pero si se pode facer unha visita e gozar desta singular edificación que conta cunha escaleira de caracol que dá acceso á lanterna do faro, a 13m de altura, desde onde se ve a cúpula hexagonal de cristal. Agora están preparando a apertura dun espazo-cafetaría con zonas chill out e terrazas para poder facer eventos maiores xa que a illa onde se atopa o faro conta con 4.500m2 de zona transitable. Preto da zona está a famosa praia das Catedrais, recoñecida como Monumento Natural, cunha protección especial dada a súa singularidade e beleza.
Aloxamentos no corazón da Ribeira Sacra
Rodeado polos ríos Miño e Sil, nunha contorna natural de gran beleza, hai un palacio cheo de historia: o Eurostars Pazo de Sober. Entre murallas do século VII e 20.000m2 de xardíns poderedes durmir no maior palacio de Galicia, herdanza do Señorío de López de Lemos. Entre murallas, ventás románicas e torres atópanse as súas 43 habitacións, todas diferentes. Tamén conta con salas de diversas capacidades onde se poden organizar eventos: Salón Albarello (30 persoas), Salón Los Arcos (45), Salón Magna (240), ademais da terraza do Patio de Cristal, desde onde contemplar as paisaxes do val.
En Sober poden facerse actividades especialmente vinculadas á viticultura e a enoloxía, con numerosas bodegas e viñedos que inundan os marxes dos canóns dos ríos. Un dos principais atractivos na zona son os catamaráns, que permiten coñecer o cultivo da uva, en terreos pendentes que rozan a verticalidade. Ademais, nos arredores de Sober hai miradoiros, rutas de sendeirismo e mosteiros que conforman a Ruta do Románico.
En Nogueira de Ramuín (Ourense) escóndese entre a arboleda dun espazo natural o Mosteiro de Santo Estevo, convertido en Parador. A súa orixe remóntase aos séculos VI e VII, de estilo barroco e románico, con tres grandes claustros: un románico, outro gótico e outro renacentista, polos que se pode pasear e tamén organizar eventos rodeados pola beleza e monumentalidade deste edificio declarado Monumento Histórico Artístico en 1923. Conta con 77 habitacións, todas elas diferentes, algunhas con vistas á paisaxe verde e aos impresionantes canóns do Sil. No Parador gozaredes dun restaurante con terraza ao lado do bosque de castiñeiros, unha cafetaría con terraza no claustro da portería, amplos salóns e xardíns para que o teu evento respire tranquilidade e paz con preciosas vistas.
O Parador de Santo Estevo converteuse en escenario medieval para o evento organizado pola empresa valenciana Edicom. Un congreso no que participaron máis de 130 persoas no que o Parador transformou o claustro Cabaleiros nun escenario de soño, con músicos medievais, vaixela antiga e unha decoración que sorprendeu aos asistentes trasladándoos a outra época.
Seguindo cos aloxamentos monacais, en Leiro (Ourense) está o Eurostar Monasterio de San Clodio, un mosteiro cisterciense do s.XII con dous claustros de estilo renacentista barroco que mantén a beleza e estrutura orixinal converténdose no primeiro hotel monumento de Galicia. Está rodeado de xardíns nunha contorna histórica dentro da rexión vinícola do Ribeiro. As súas 25 habitacións de teitos altos e paredes de pedra teñen vistas aos viñedos e ao bosque. Ademais hai 5 salas para eventos con diferentes capacidades.
Cambiando de provincia, a 10 minutos do centro de Vigo e do aeroporto de Peinador está a Rectoral de Cobres, unha antiga casa do ano 1729, situada nun outeiro con vistas á ría de Vigo. Entre a montaña e o mar, este hotel de 8 habitacións ten un hórreo reformado, a Paneira, que é o seu selo de identidade. No seu interior hai un salón para 50 persoas en formato banquete ou para 80 en esco0la. Conta cun amplo xardín en escaleiras que descende cara ao mar e un celeiro de 150m2 no que se celebran eventos. Ademais dunha terraza de cristal con capacidade para 120 persoas.